O Secretario Xeral das XSG, Xurxo Doval, define como “profundamente electoralista e discriminatoria” a gratuidade dos buses galegos para os maiores de 65 anos.

 A organización socialista moza reclama accións concretas que solucionen o colapso do transporte de pasaxeiros por estrada, dependente da Xunta de Galicia, con especial afectación á mocidade.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

As Xuventudes Socialistas de Galicia denuncian a marxinación da mocidade pola Xunta de Galicia en materia de transporte. Así, insisten na idea de que a Xunta de Galicia está novamente esquecendo as persoas mozas tras o anuncio da administración autonómica de financiar o transporte público por estrada ás persoas maiores de 65 anos.

O Secretario Xeral das XSG, Xurxo Doval, define como “profundamente electoralista e discriminatoria” a gratuidade dos buses galegos para os maiores de 65 anos. “A Xunta de Galicia segue ao seu, mirando para outro lado, sen prestarlle atención aos problemas reais da sociedade galega”, explicou. Ademais, o Secretario Xeral animou ao Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a subirse a un bus entre Lugo e Compostela, cuarta e quinta cidade galega, un venres calquera para “vivir o caos que supón o sistema de buses galegos a día de hoxe”.

As Xuventudes Socialistas de Galicia recordan o rexeitamento e o voto negativo do Partido Popular na Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que estas levaron por toda a xeografía galega o pasado ano e para a que conseguiron máis de 2900 sinaturas. “O PP se opuxo a ampliar a gratuidade do bus dos 21 aos 31 anos, a asegurar os pregos de contratación e a vertebrar o territorio con máis frecuencias no rural cos argumentos contrarios aos que agora usan para esta nova medida”, afirmou o Secretario Xeral.

Así, a organización socialista moza reclama accións concretas que solucionen o colapso do transporte de pasaxeiros por estrada, dependente da Xunta de Galicia, con especial afectación á mocidade. “Son as persoas mozas as que máis se moven en transporte público: para desprazarse á universidade, para volver a casa na fin de semana, etc. Pero ademais, son un colectivo vulnerable ao depender dos cartos da familia na maior parte dos casos”, insisten.

As XSG tamén denuncian o desleixo das empresas concesionarias como Monbus, deixando a persoas en terra e discriminando ás persoas usuarias da Tarxeta TMG, segundo aseguran. Ademais, explican que a Xunta de Galicia é competente para actuar e obrigar a estas empresas a respectar os pregos de contratación; empresas que están sendo investigadas por acordos para repartirse ilegalmente as concesións autonómicas.

Por último, as Xuventudes Socialistas anuncian que estas problemáticas e as propostas para a súa solución estarán recollidas nun apartado específico do seu Programa Marco para as vindeiras Eleccións Autonómicas, que están comezando a elaborar, e que, unha vez finalizado, remitirán ao PSdeG-PSOE para materializalas no Programa Electoral do Partido.

Xuventudes Socialistas de Galicia

Xurxo