A organización reivindicou no Comité Federal das JSE, celebrado en Valencia esta pasada fin de semana, o papel da mocidade nas eleccións xerais de xullo e reiterou o seu apoio ao candidato Besteiro.

Paula García Lozano, ata o de agora Secretaria de Economía das XSG, foi elixida Secretaria de Deporte das Juventudes Socialistas de España.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

As Xuventudes Socialistas de Galicia constatan a necesidade dun Goberno e dunhas Juventudes Socialistas en España fortes para materializar o cambio na Xunta. Así o fixeron no Comité Federal das Juventudes Socialistas de España, o máximo órgano das Juventudes Socialistas de España entre congresos, celebrado esta pasada fin de semana na cidade de Valencia, o primeiro tras os procesos electorais deste ano.

Na súa intervención, o Secretario Xeral das XSG, Xurxo Doval, activou novamente o modo electoral a nivel federal nas JSE, facendo partícipes das eleccións galegas ao resto de compañeiros e compañeiras doutros territorios. “José Ramón Gómez Besteiro será Presidente da Xunta de Galicia” afirmaba con rotundidade. “Iso será posible grazas a un Goberno de España forte, liderado por Pedro Sánchez, e a unhas Juventudes Socialistas de España implicadas nunha campaña na que saímos a gañar”, exclamaba.

As XSG tamén quixeron subliñar o papel da mocidade na consecución do inesperado resultado das eleccións do pasado 23 de xullo, que abriu as portas a un novo goberno de Pedro Sánchez. Así, destacaron que a primeira forza de entre as persoas de 18 a 31 anos foi o PSOE. Tamén insistiron na idea de que “esta mesma forza moza será a que bote ao PP da Xunta de Galicia”, sendo este o argumento que utilizarán no seo do PSdeG para facer valer o poder electoral da mocidade e que esta se vexa reflectida no Partido.

Por outra banda, neste mesmo Comité Federal, Paula García Lozano, ata o de agora Secretaria de Economía das XSG, foi elixida Secretaria de Deporte das Juventudes Socialistas de España. Coruñesa convencida vencellada ao mundo do deporte e membro da candidatura de Inés Rey á Alcaldía da cidade, Paula García é avogada laboralista pola UDC e, no seu tempo libre, adestradora de ximnastas que compiten nos ámbitos autonómico e nacional.

A súa incorporación á Executiva Federal corresponde co relevo por idade da Secretaria de Emprendemento de Juventudes Socialistas de España, Paula Castiñeiras Iglesias, quen desenvolveu un papel fundamental no desenvolvemento do traballo das XSG na última década, ocupando cargos de responsabilidade en todos os niveis da organización. A organización socialista moza aproveitou a súa despedida da organización para recoñecer o seu labor e amosar o agradecemento e o cariño da militancia galega por “unha persoa que deu todo o que puido e máis polas XSG”.

Paula García Lozano

Naceu na Coruña no ano 1997. Vinculada ao mundo do deporte, primeiro como ximnasta, logrando diferentes títulos a nivel autonómico, e na actualidade como adestradora, con ximnastas que compiten tanto a nivel autonómico como nacional. Compaxina a súa paixón polo deporte coa avogacía. Estudou dereito na UDC e na actualidade exerce como avogada laboralista nun despacho da Coruña.

Defínese como coruñesa “de toda a vida”, amante da súa cidade e do seu barrio. O seu interese pola política vénlle desde a infancia, sendo o 2019 o ano no que decide afiliarse ao PSOE. Na actualidade exerce diferentes cargos orgánicos en Xuventudes Socialistas: na Coruña, é Secretaria de Organización mentres que en Galicia é Secretaria de Economía, Emprego, Transición Ecolóxica e Axenda 2030.

Xuventudes Socialistas de Galicia

Xurxo