RESOLUCIÓN DAS XSG CON RESPECTO Á INSTALACIÓN DA PLANTA E A MACROPLANTACIÓN DE EUCALIPTOS DE ALTRI EN PALAS DE REI

A comezos deste mes de marzo saía a exposición pública a documentación relativa á instalación de xeración de celulosa e produción téxtil renovable da
multinacional portuguesa Altri no concello lugués de Palas de Rei. Entre esta documentación, situábase o informe do estudo de impacto ambiental (EIA),
preciso para a licitación das obras de calquera tipo de instalación industrial ou infraestrutura, sexa pública ou privada.

Foi precisamente este informe o que fixo saltar as alarmas de numerosos colectivos en defensa do medio ambiente e de numerosos concellos por dúas
cuestións fundamentais: a captación e vertedura da auga e o tipo de plantación.

No relativo á primeira das dúas cuestións, o informe do EIA establece unha captación diaria de 46.000 m3 de auga ao día do río Ulla, equivalente, segundo
Ecoloxistas en Acción, ao consumo de auga da poboación de toda a provincia de Lugo nun día. De forma posterior ao proceso desta auga, a planta vertería no Ulla 30.000 m3.

Tanto a captación como a vertedura supoñen un impacto considerable para o embalse de Portodemouros e para os concellos da cunca do río Ulla, o río máis
importante da Demarcación Hidrográfica da Costa Galega tras o Tambre. Así, concellos como Agolada e Vila de Cruces (Pontevedra), Palas de rei e Antas de
Ulla (Lugo) e Santiso e Arzúa (A Coruña), terán unha afectación directa.

Sen embargo, o problema da vertedura das augas tratadas tras o proceso de confección da celulosa afecta a toda a cunca hidrográfica do Ulla e, polo tanto, á
ría que este forma no seu final, a ría de Arousa, sendo esta a ría de maior produción marisqueira do país. Como levan explicando colectivos medioambientais e as confrarías do Salnés e do Barbanza, a ría atópase nunha situación ecolóxica extremadamente fráxil, con crises como a da mexilla deste pasado 2023. Desembocando o Ulla na ría con augas dunha peor calidade e cun caudal variable existe a posibilidade dun empeoramento desta circunstancia, sen
contar os riscos de verteduras contaminantes que se poden dar.

O proxecto presentado pola multinacional portuguesa atende algunhas destas cuestións como é a vertedura da auga utilizada augas arriba da captación,
asegurando un mínimo de recirculación. Non obstante, o tamaño masivo desta planta xera moitas dúbidas.

Así, o tipo de plantación que se vai dar provoca un risco para o ecosistema da Ulloa, do Deza e da Terra de Melide, utilizando Altri para a produción da súa
celulosa o eucalipto, unha árbore introducida en Galicia sospeitosa de ser invasiva e que precisa dun mantemento constante que asegure a limpeza dos seus baixos.

A pesar do uso desta madeira, o problema non só radica nas dúbidas que esta xera, mais tamén no grave risco que pode supoñer unha macroplantación de
2.000 ha como a que Altri prevé para Palas. É este o principal risco. Segundo indican os expertos en materia de planificación forestal, as grandes plantas de monocultivo supoñen un perigo en caso de incendio, axudando a crear incendios máis virulentos e que se estenden máis rapidamente. A combinación con outro
tipo de cultivos favorece a progresión lenta do lume e, polo tanto, a súa extinción.

Ademais, cabe destacar que na actualidade, un dos motivos polo que Altri elixiu Galicia é pola vixente moratoria a novas plantacións de eucaliptos ata 2030 do
goberno de Portugal tras os graves incendios do 2017. Aquí en Galicia a mesma Xunta de Galicia recoñeceu no 2021 que a plantación desta especie estaba a chegar aos seus límites, aplicando unha moratoria propia ata 2025 e sen tomar ningún tipo de medida tras os incendios de Galicia de 2017, xerados na mesma
vaga de lumes que os de Portugal.

Desta forma, e tal e como adoita facer a Xunta de Galicia, podemos comprobar como non existe ningún tipo de planificación real no medio e longo prazo do
bosque galego. Por exemplo, no mesmo ano de inicio da moratoria, o eucalipto xa ocupaba máis do dobre de hectáreas do previsto para 2032. Así, os plans de planificación forestal son fundamentais e máis como a comunidade autónoma máis rica en materia forestal de España e que, ao mesmo tempo, sufre un grave
problema de despoboamento e de xestión forestal, problemas que non van diminuír senón que se van recruar co avance imparable do cambio climático.

As Xuventudes Socialistas de Galicia cremos na nova industria e nas oportunidades que a transición ecolóxica pode deixar na nosa terra con
proxectos vencellados ao novo aproveitamento, sostible, do noso solo. As plantas de produción de hidróxeno verde das Pontes ou de Cerceda son exemplo da ruta que a nosa industria debe seguir, sempre coa despoboación presente.

A implantación de proxectos deste tipo no rural son fundamentais para axudar a fixar poboación nos concellos máis pequenos ao mesmo tempo que realizamos
un aproveitamento correcto da nosa inxente masa forestal que, como indican os estudos nesta materia, está en boa medida infrautilizada. Estes, ademais, deben
ser proxectos que xeren valor engadido onde se instalen e as súas dimensións non excedan os límites do compromiso que ten que existir, obrigatoriamente,
entre o impacto ambiental e o seu valor.

A macroplanta de Altri non respecta este compromiso. É por isto polo que as Xuventudes Socialistas de Galicia instamos á Xunta de Galicia, como responsable
da competencia de xestión forestal e hídrica nesta demarcación a:

• Paralizar a construción da macroplanta de Altri en Palas de Rei e instar á empresa a reformular o seu proxecto atendendo aos criterios de sustentabilidade e de minimización do impacto ambiental en canto ao tamaño da fábrica facilitando a dispoñibilidade de solo noutros lugares para conseguir dividir a macroplantación de eucaliptos noutras máis reducidas.

• Endurecer a lexislación que obrigue ás empresas que utilicen a masa forestal galega a desenvolver un plan propio de mantemento do solo e da prevención de incendios forestais que condicione a súa implantación.

• Desenvolver unha nova planificación forestal da nosa terra no medio e longo prazo (a partir do fin da moratoria ao eucalipto en 2025) que contemple os criterios necesarios para o aproveitamento das oportunidades da transición ecolóxica ao mesmo tempo que asegure o mínimo impacto ambiental e a xeración de valor engadido onde se implanten os proxectos.

• Crear un instituto do monte galego que valore de forma independente a xestión en materia forestal e asesore ás empresas forestais galegas e outro das rías galegas que investigue e vixíe o seu estado, colaborando ambos os dous coas tres universidades públicas galegas para estas fins.

Xuventudes Socialistas de Galicia

Xurxo