-
O novo secretario xeral das XSG-Ourense presentou un proxecto “ilusionante” acompañado da secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense e voceira municipal, Natalia G. Beneitez, e o secretario xeral das XSG, Xurxo Doval
-
Doval sinalou que “o maior acto de servizo público é a militancia. É o compromiso esencial e a diferenza entre o ‘eu’ e o ‘nós’, sen pensar en ‘que hai do meu’, e Miguel é exemplo do ideal socialista militante”
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024
A organización moza celebrou esta pasada fin de semana unha Asemblea Extraordinaria para escoller a nova dirección local encabezada por Miguel Gómez. Este evento contou coa presenza da CEM e do GMS do PSdeG-PSOE de Ourense, liderados por Natalia G. Beneitez, e o secretario xeral das XSG, Xurxo Doval (que fora responsable local entre 2018 e 2022).
Gómez, que ata o sábado exerceu como secretario de organización, indicou que “o noso primeiro obxectivo será seguir crecendo, como se fixo ata agora, abrindo as XSG-Ourense a toda a xente que queira a nosa cidade e que lle gustaría vela lucir todo o seu potencial”.
O mozo fixou como reto “facer da política un espazo máis atractivo e cómodo para as mulleres, gañando peso en organizacións como as nosas”. Determinou así que “traballaremos para que no 2027 Ourense teña finalmente unha alcaldesa socialista con ganas de mudar a precaria situación da cidade”.
Acción na rúa nos entornos frecuentados por xente moza; actividades ao aire libre; colaboración co partido… son algunhas das ideas do novo líder mozo local.
Pola súa banda, o secretario xeral das XSG, Xurxo Doval, sinalou que “o maior acto de servizo público é a militancia. É o compromiso esencial e a diferenza entre o ‘eu’ e o ‘nós’, sen pensar en ‘que hai do meu’, e Miguel é exemplo do ideal socialista militante”.
O líder galego chamou a “traballar conxuntamente, porque o proxecto galego pasa por Ourense, e viceversa. A mocidade precisa de nós para dar respostas en conflitos como a crise de vivenda, onde Jácome e Xunta están de brazos cruzados”.
A líder municipal do partido, Natalia G. Beneitez, animou a Miguel a “seguir con esa colaboración estreita entre xuventudes e partido, pero coa rebeldía e a crítica irreverente característica de XSG-Ou que nos permite crecer como organización”.
Os 3 agradecéronlle a Alba Iglesias o seu paso adiante na fronte da organización nos últimos 2 anos, pero que deixou a organización a inicios de decembro.
Miguel Gómez García
Nado en Suíza en 2001, é un ourensán arraigado na cidade dende os 4 anos. Do Barrio da Ponte, é graduado en Enxeñería Informática pola UVigo (onde traballou temporalmente). Actualmente, está nun Máster no campus ourensano mentres está de prácticas na Coruña.
Políticamente, exerceu como Secretario de Organización de XSG-Ourense e candidato mozo no 18F.