• Os socialistas presentaron a iniciativa do Banco Público de Aluguer que permitiría “revitalizar” o casco vello da cidade freando, ademais, a suba dos prezos da vivenda nun 57% nos últimos 10 anos

  • Xurxo Doval, secretario xeral de XSG, remarcou que “nós queremos que a xente non paguemos máis do 30% do noso salario, e máis sabendo que 1 de cada 3 galegos cobra o SMI ou menos”.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024

As Xuventudes Socialistas presentaron na Praza do Ferro de Ourense a iniciativa conxunta co PSdeG dun Banco Público de Aluguer. Acompañados do Grupo Municipal e da deputada, Carmen R. Dacosta, o secretario xeral local, Miguel Gómez, e o galego, Xurxo Doval, deron a coñecer a medida en materia de vivenda.

Dende a organización sinalan que “é unha medida pensada para toda a xente, pero sobre todo para os 250 mil mozos/as que non nos podemos emancipar e destinamos máis do 60% dos nosos ingresos ao alugueiro”.

“Na cidade de Ourense hai máis de 18 mil vivendas baleiras esperando a ser catalogadas pola Xunta como desocupadas, as cales o goberno de Jácome non inspecciona porque lle preocupa máis a Gramola”.

Miguel Gómez, secretario xeral local de XSG Ourense, considerou que “esta medida revitalizaría o casco histórico da cidade, e facilitaría o acceso á vivenda á xente nova, e non tan nova, no centro da cidade sen ter que buscar fóra dela”. “Temos un proxecto de cidade”, engadiu o mozo.

Pola súa banda, Xurxo Doval, secretario xeral galego, remarcou que “nós queremos que a xente non paguemos máis do 30% do noso salario, e máis sabendo que 1 de cada 3 galegos cobra o SMI ou menos”.

“Cando hai un problema, temos solucións, e esta é a nosa para as 18 mil vivendas baleiras de Ourense, mentres Concello e Xunta non fan nada, nin lle deixan facer ao Goberno de España”, enfatizou o socialista.

O Banco Público de Alugueiro, ou Banco Galego de Vivenda, permitiría frear a suba de prezos que na cidade de Ourense xa se traducen nunha suba do 57% nos últimos 10 anos.

Consiste nun organismo público, da Xunta, que exercería como intermediario entre arrendador e arrendatario. A cidadanía galega podería alugar un piso en boas condicións e a un prezo xusto, mentres o propietario tería a garantía xurídica e a seguridade do pago da mensualidade por parte da Xunta.