• A socialista de Monterroso daralle relevo ao lucense Yago Atadell nunha etapa onde se fixa como reto que “se fale máis do rural e das mulleres que lle dan vida, especialmente as máis novas”

  • Eva Blanco afirmou que “a mocidade está concienciada co medioambiente. Preocúpanos a facilidade coa que a Xunta pode desvalixar a nosa natureza da noite para a mañá, pero tamén os discursos negacionistas das renovables”

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024

As Xuventudes Socialistas escolleron esta semana a Eva Blanco López como nova Coordinadora Provincial das XSG na provincia de Lugo. A rapaza, orixinaria de Monterroso (nada en Lugo no 2003), asume o rol do ata agora coordinador o lucense Yago Atadell quen agradeceu a “confianza e compromiso nun ano marcado polas eleccións autonómicas onde demos o mellor de nós”.

Eva, estudante de dereito na USC, exerce actualmente como secretaria xeral das XSG-Monterroso, vila natal onde destaca o seu forte compromiso coa terra e co partido, tendo participado activamente nas eleccións municipais de 2023 e actualmente defendendo a causa contra Altri.

A moza socialista sinalou que “a mocidade está concienciada co medioambiente. Preocúpanos a facilidade coa que a Xunta pode desvalixar a nosa natureza da noite para a mañá, pero tamén os discursos negacionistas das renovables”.

“Queremos industria para Lugo, porque iso é traballo e oportunidades para a xente nova, pero coa máxima enerxía limpa posible e coa verdade sempre por diante, sen mentiras”, engadiu.

Doutra banda, enfatizou o feito de “ser muller e do rural”. “Existe unha Galicia máis aló das urbes, que mantén a súa vida grazas ás mulleres, moitas das veces invisibilizadas”, defendía Eva, quen se propón como reto facer actividades onde se fale máis en feminino.

A líder moza estaba contenta de ser (despois de moito tempo) “unha muller a cabeza visible da provincia, que represente as necesidades dos xoves que se sinten abandonados pola política nefasta do PP na Xunta, como é o caso das liñas de bus”.