Hoxe é o Día Internacional da Mocidade. Unha data que, lonxe de ser unha mera efeméride para cubrir con mensaxes institucionais, debería levarnos a reflexionar con seriedade: que estamos facendo pola mocidade en Galicia?

 

Non podemos ignorar unha realidade evidente: contamos cunha xeración formada, con talento e iniciativa, que con demasiada frecuencia vese obrigada a marchar para atopar oportunidades. E iso non debería asumirse como algo inevitable. Non é aceptable que estudar ou traballar implique, para tantos, deixar atrás a súa terra. Nin que emprender aquí sexa un camiño cheo de barreiras.

É imprescindible situar á mocidade no centro das políticas públicas, non só no discurso. Iso significa acceso real á vivenda, programas de formación adaptados ao contexto económico que vén, apoio decidido ao emprendemento, e creación de espazos que favorezan a participación, a creatividade e a innovación. En definitiva: garantir que en Galicia se poida desenvolver un proxecto vital sen ter que marchar.

Se Galicia quere un futuro sólido, debe deixar de tratar á súa xente nova como un recurso que se perde e comezar a vela como o motor que xa é. O momento de decidir que modelo de país queremos é agora: un territorio vivo, no que a mocidade traballa, crea e participa; ou unha terra que só se recorda dela cando xa non está.

O futuro de Galicia non é un concepto abstracto: son os mozos e mozas que hoxe estudan, traballan, aprenden un oficio, poñen en marcha un proxecto ou simplemente desexan quedar. Se non lles ofrecemos as condicións necesarias, serán outros lugares os que recollan os beneficios do seu esforzo.

Hoxe, no Día da Mocidade, non chega con felicitar. É momento de escoitar, confiar e actuar. Galicia non pode permitirse perder outra xeración.

Rihanna Currás.