- A organización xuvenil, que conta cunha delegación de máis de 20 persoas, critica a “desconexión do PSdeG pola comodidade paternalista institucionalizada dos últimos 15 anos”
- Xurxo Doval, secretario xeral, “mentres uns queren arrastrar ao partido en redes sociais sen propostas, nos traemos os debates de Galicia: transporte, vivenda e dereitos sociais”
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2025.
As Xuventudes Socialistas de Galicia reuníronse este domingo en Santiago de Compostela para debater as máis de 100 emendas que presentarán no XV Congreso do PSdeG a un relatorio que “evidencia demasiada ambigüidade”.
A organización xuvenil sinalou que os máis de 20 mozos e mozas que asistirán como delegación pelexarán para que o Partido Socialista rexeite o proxecto de Altri ou ser a primeira formación galega en recoñecer en documentos internos e publicamente “a existencia de persoas non binarias e a nomenclatura LGTBIQ+, como en Madrid, Valencia ou Canarias”, sinalan.
A mocidade socialista considera que “hai unha Galicia máis aló da gratuidade da AP-9. É urxente pelexar e lograr unha rede ferroviaria que non só conecte o eixo atlántico, pensando nas provincias de Ourense e Lugo”. “A maiores, queremos que os autobuses galegos non sexan unha escopeta de feira”, reclaman, xunto “cunha tarxeta de transporte única con prezos razoables para todo o territorio, sen exclusións”.
Xuventudes Socialistas lamenta a “desconexión do PSdeG pola comodidade paternalista institucionalizada dos últimos 15 anos”. Dende a organización socialista alertan da “urxencia dun cambio xeracional profundo para a supervivencia do partido”.
Avisan de que “a imaxe do partido non pode ser a dunha elite avellentada, a mocidade tamén é a realidade de Galicia”. “Sufrimos a falta de vivenda, a precariedade laboral, o desmantelamento da educación pública ou a desatención da nosa saúde mental; e incluso o odio en agresións e discursos trumpistas que falan sobre a nosa existencia ao grito de ‘woke’”, lamentan.
O secretario xeral, Xurxo Doval, pon en valor “o traballo realizado pola organización nos últimos 3 anos con lealdade absoluta, cando outros facían folga de brazos caídos”. Deste xeito, criticou que “mentres uns queren arrastrar ao partido en redes sociais sen propostas, nos traemos os debates de Galicia: transporte, vivenda e dereitos sociais”.
“O futuro de XSG e do PSdeG xógase agora: a dificultade non radica en desenvolver ideas novas, senón e desfacerse das vellas”, sentenciou.
ALGUNHAS DAS EMENDAS A PARTE DAS XA MENCIONADAS
- Vivenda: Canón sobre os m² baleiros xunto o banco de aluguer; limitación dos pisos turísticos e gravalos como actividade comercial; prohibir a conversión de salóns en habitacións; ou crear fondos públicos municipais coas aportacións da taxa turística dos apartamentos turísticos.
- Igualdade: acceso universal aos produtos de hixiene íntima; a condena da prostitución como violencia de xénero; a creación de centros itinerantes de información á muller naqueles territorios onde non exista un CIMM.
- Educación: integrar na Consellería de Educación a educación infantil de 0 a 3 anos, eliminando a súa consideración de servizo social; creación de comedores a prezos asumibles na educación secundaria e superiores; ampliación das bolsas pre e postdoutorais.
- Traballo: mellora das condicións de bolsas como as FEUGAs e remuneración das prácticas obrigatorias.
Leave A Comment