A militancia de esquerdas ten que xogar un papel clave na defensa das liberdades civís e da xustiza social ante unha nova orde mundial con tintes imperialistas

Nestes últimos días estamos asistindo atónitos á quebra da orde mundial posterior a 1945  —construída tralo fin da II Guerra Mundial—, marcada polo multilateralismo, o principio das relacións internacionais baseadas nas regras do dereito e a democracia social. Do mesmo xeito, acudimos atónitos á conformación dunha nova (des)orde mundial baseada na lei do máis forte, da man dunha internacional autoritaria con Trump e Putin á cabeza, acompañados dunha miríade de lugartentes en cada país. Nun século no que pensabamos que os vellos nacionalismos estaban superados e camiñabamos cara a integración internacional, vemos como o peor do nacionalismo expansionista sacode os cimentos de Occidente.

A situación recorda, malia o desacertado deste tipo de comparacións, á Conferencia de Munich de 1938. O simbolismo desta cidade bávara no marco da recente Conferencia de Seguridade non é gratuito, senón que evoca os tempos máis duros do imperialismo e das guerras na Europa. Cabe preguntármonos se realmente as relacións internacionais están verdadeiramente democratizadas ou se os destinos do planeta os van decidir un par de señores no Palacio Real de Riad, a capital dun reino no que non está garantida ningunha liberdade civil.

Ante este contexto internacional tan desalentador, cabe preguntarnos que podemos facer a título persoal dende a militancia política socialista. O noso papel como axentes defensores dos valores progresistas e da xustiza social cobra agora máis valor que nunca, ao converternos en representantes dunhas ideas que confrontan cos designios duns líderes cada vez máis perigosos. A vaga reaccionaria non está só na outra beira do Atlántico, senón que está xa entre nós. Cómpre facermos énfase nos valores europeos, na unidade e nos valores democráticos, sociais e progresistas que defendemos, hoxe máis que nunca.

Por iso, cada militante ten agora o valiosísimo poder de exercer, na medida que poida, como un baluarte progresista no seu círculo social —familia, traballo, amizades— para facer, porta a porta, fronte común contra esta vaga autoritaria e reaccionaria que hoxe nos asola e nos deixa á mercé dos designios da violencia. O futuro está nas nosas mans.